Unha mesa ben decorada é un disfrute para os sentidos. Agora que o culto pola gastronomía está en alza, é o momento de pensar tamén na importancia da vaixela axeitada para acompañar os alimentos elaborados e disfrutar a tope dese estilo de vida saudable, marcado pola calidade na mesa.

Temos que saber elixir as pezas para cada ocasión, para conseguir unha mesa diferente, elegante e con estilo. Para asegurarnos o equilibrio estético de formas e de cor, hai que ter en conta tres elementos: os alimentos que se van servir, a vaixela -forma, cor, tamaño e material- e os manteis, que deberán ser de tecidos e cores que harmonicen e cedan o protagonismo aos deseños das pezas da vaixela. O resultado ha de ser un combinado xogo de cores, texturas e formas que sexa á vez espectacular e sobrio.

Numerosas firmas de artesanía de Galicia deseñan pezas de mesa, algunhas tan tradicionais como Sargadelos, que iniciou a súa produción a principios do século XIX. Pero hoxe imos descubrir as obras doutra das grandes firmas da cerámica galega, Regal, localizada en Viveiro (Lugo), que crea pezas de mesa singulares, chamativas e de deseño vangardista.

As creacións do ceramista Otero Regal están inspiradas nas culturas mediterráneas, no románico, pero tamén na arte africana e australiana, cunha simplificación de volumes e decoracións baseadas nun concepto pictórico que sintetiza as vangardas do século XX, con marcadas influencias de artistas como Picasso.

En Regal Cerámica realizan a decoración das pezas con pincel para definir a forma utilizando óxido de cobalto e pinceis de caligrafía xaponesa. As súas creacións poden atoparse en tendas especializadas e galerías de toda España, parte de Europa, América e Asia.www.oteroregal.com

Comentar