Milladoiro vai ser no ano 2020 máis accesible e máis verde. E tamén, máis eficiente, máis inclusivo e cun maior desenvolvemento económico. Eses son algúns dos obxectivos do plan Impulsa Ames, que vén de recibir unha dotación de cinco millóns de euros dos fondos comunitarios da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado, para proporcionar unha maior calidade de vida na localidade. Este plan contempla actuacións en materia de accesibilidade coa eliminación de barreiras urbanas en prazas, xardíns e beirarrúas. Unha das accións máis visibles será a creación dun espazo verde no centro do Milladoiro para vertebrar o núcleo urbano e dotar ao concello de máis zonas verdes e sendas peonís para acadar unha mellor conectividade no municipio, dando resposta a unha histórica demanda do núcleo de Milladoiro. Asemade, está previsto crear sendeiros seguros para os centros escolares de CEIP Ventín, Agro do Muíño, CEIP A Maía e IES de Ames e a posta en marcha dun transporte público que permita a conectividade no propio concello favorecendo a mobilidade e a redución de emisións de CO2. O plan Impulsa Ames tamén inclúe a mellora da eficiencia enerxética, cunha actuación integral sobre o alumeado público tanto en renovación do mesmo como na instalación de sensores lumínicos. E actuacións de dinamización da vida social e cultural, como a construción dun Centro multidisciplinar dirixido principalmente á mocidade amesá e para o emprendemento de novas iniciativas empresariais e de profesionais autónomos.

Comentar