A feira SimaExpo2017, celebrada en Madrid do 25 ao 28 de maio, certificou o bo momento do mercado, marcado por unha oferta renovada e mellorada e a volta do segmento de comprador de idade máis nova. Os profesionais que asistiron ao salón, convertido na cita inmobiliaria anual máis importante do país, coinciden en poñer de relevo o momento doce que vive o mercado residencial despois de sete anos de crise.

No salón predominaron as promocións de vivendas a estrear, que representan preto do 90% do produto ofertado, segundo a empresa organizadora da feira. Esta actualización do parque de vivendas é unha vantaxe para as persoas interesadas en comprar, xa que as casas que hoxe saen ao mercado son construidas con criterios de deseño, calidade, prestacións extra e eficiencia enerxética. Ao que se engade unha maior cultura empresarial de atención ao cliente e servizos posvenda.

Un dos retos do sector é volver conectar coa demanda máis nova que compra casa para formar o seu primeiro fogar, algo no que tamén o Sima deu sinais optimistas, xa que o 40% dos que se inscribiron na web para visitar o salón se corresponde co grupo de idade formado por persoas de ata 35 anos.

Por outra banda, coincidindo coa celebración de SimaExpo, presentouse o Informe Radiografía do mercado da vivenda 2016-2017 realizado por Fotocasa, segundo o cal, o 68% das personas consultadas cre que o sentimento de propiedade segue moi arraigado en España, onde un 84% da poboación é propietaria ou copropietaria de, ao menos, unha vivenda.

Segundo este estudo, apréciase unha visión xeneralizada do valor da vivenda como un gran patrimonio e unha boa inversión: catro de cada 10 consultados pensa que un piso é a mellor herdanza que se pode deixar aos fillos e que comprar é moi rendible.

O informe de Fotocasa tamén explora a intención de compra dos españois a curto, medio e longo prazo. Un 7% das persoas que non compraron en 2016 manifesta que quere facelo nos próximos dous anos, un 12% nun prazo de dous a cinco anos e un 34% non descarta tomar esta decisión a longo prazo. Neste contexto, cabe destacar que tres de cada 10 españois que se plantexa a compra nun prazo curto de tempo, ten unha idade media de 43 anos, vive en parella e pertence a unha clase social media ou media alta.

Comentar