Os inversores exprimen ao máximo o mercado da vivenda, tanto que no segundo semestre de 2016 as compravendas realizadas como investimento acadaron o 28,08%, superando o 24,65% do ano anterior, segundo o informe do Grupo Tecnocasa, elaborado pola Universidade Pompeu Fabra (UPF) de Barcelona en base a datos reais das transaccións finalizadas. É dicir, un de cada tres compradores é inversor, que decide a operación atraido por unha alta rendabilidade anual, superior ao 6,9%, ao poñer a vivenda en aluguer.
O mercado está nun momento de consolidación, segundo declaracións de José García-Montalvo, catedrático de Economía da UPF e coordinador do informe. “A xente está comprando porque nos atopamos nunha situación de prezos atractivos”, sinala o catedrático. E polo temor a que as cousas cambien.
A hipoteca media situouse no segundo semestre de 2016 en 97.348 euros, un 6% máis que no mesmo periodo do ano anterior, pero un 54% máis baixa que a concedida en 2007, cando o préstamo medio foi de 185.000 euros. Deste xeito, o abaratamento das hipotecas levou a que a cota mensual actual sexa de 365 euros, cando no ano 2007 era de 976 euros mensuais.
Esta circunstancia prodúcese polos baixos tipos de interese que no segundo semestre do ano se situaron no 1,42% de media (euribor máis diferencial). E tamén polo peso que están gañando as hipotecas a tipo fixo.
O perfil do comprador de vivenda con hipoteca ten entre 25 e 44 anos e o 80% ten contrato indefinido. A maior porcentaxe das compras realízase para mellorar a vivenda actual, sendo minoritario o grupo de compradores que accede por primeira vez a unha vivenda en propiedade.

Comentar