Colocar, sellar e nivelar cristais é unha tarefa de precisión que están realizando estes días nas nosas vivendas Adrián e Javier, cristaleiros de Sarriglass, a empresa galega fabricante das lunas que estamos instalando. Trátase dun sistema de dobre acristalamento Climalit con vidros de illamento térmico reforzado Planitherm, que dificulta o intercambio de temperatura, reducindo a perda de calor en inverno e a entrada de calor no verán.

Son pezas de dúas lunas de 6 mm cada unha, separadas por unha cámara de aire de 12 mm, un espesor óptimo para lograr o maior illamento. As características deste acristalamento están pensadas para obter a maior eficiencia e aforro enerxético e económico.

  

 

O aforro enerxético prodúcese pola mellora do confort térmico no interior da vivenda, co máximo rendemento do sistema de calefacción do noso fogar e unha considerable redución de perda de enerxía. Polo tanto, con menos gasto enerxético teremos un bo nivel de confort térmico. Pero tamén o aforro económico será notable, porque ao obter un óptimo rendemento da calefacción sen perdas de enerxía, redúcese o consumo e polo tanto o importe da factura da luz.

Asemade, para reforzar a seguridade, as lunas que cubren os vanos inferiores das estancias incorporan o sistema Stadip, un acristalamento laminado de seguridade con prestacións reforzadas, composto por vidros ensamblados, para que non rompan en caso de golpe. Grazas a esta tecnoloxía, no caso de producirse unha eventual rotura, o sistema Stadip conserva unidos os fragmentos de vidro e impide que se desprendan e ocasionen feridas por cortes ou caídas accidentais.

O acristalamento das nosas CasasdoAmilladoiro está fabricado por Sarriglass, unha compañía galega especializada na fabricación e instalación de vidro con máis de 25 anos de experiencia.www.sarriglass.es

Continuamos coa viaxe iniciada hai uns días polo laberinto de cables, tubos e conexións ocultas nos teitos, nas paredes e no chan das nosas vivendas. Son solucións que incorporamos durante a obra, con detalles que escapan á vista, pero que son a garantía dunha vida confortable no teu fogar.

Hoxe, poñemos a mirada nos teitos de cociñas e baños, porque neles se está instalando unha caixa de distribución dos condutos de auga, formada por tubos multicapa de pvc e aluminio, enfundados en plástico de cor azul e vermella, para diferenciar as conducións de auga fría e quente.Son tubos continuos, sen unións, que van desde a caixa ata o punto de servizo.

Cada conduto está conectado a un punto de servizo: grifería, lavadora, lava vaixelas, lavabo, bañeira, etc. Deste xeito, en caso de producirse unha avaría en calquera deles, quedaría illada por este sistema, manténdose sen problema o servizo nos restantes puntos da cociña ou do baño.

É un sistema que che asegura seguir dispoñendo de auga na casa, en caso de rexistrarse unha avaría en calquera punto da instalación.

 

E do teito baixamos ao chan, para que vexas como é a lámina anti-impacto de polietileno de cor azul e 5mm de grosor que vai instalada no chan de todas as estancias da casa, para evitar o impacto de ruídos que os veciños no seu día a día poidan xerar sobre a túa vivenda. Está fabricada por Texsa, unha empresa de referencia no ámbito nacional, especializada en produtos para a impermeabilización e o illamento térmico e acústico. www.texsa.es

En Cocinas San Fernando levan máis de 40 anos dedicados ao deseño deste espazo da vivenda tan importante. Por iso confiamos neles a instalación das cociñas das vivendas de Casas do Amilladoiro. Ricardo Canosa e o seu equipo están a traballar arreo para que todo estea preparado o día (xa vai quedando menos) que estrees a túa nova casa. Por iso achegámonos ata o seu negocio, na rúa Fernando III o Santo de Santiago,  para coñecer un pouco máis das ideas destes profesionais.

Ricardo cóntanos cómo van ser estas cociñas de ensoño…

Ofrecemos cinco acabados diferentes, dende o branco ao crema ou unha cor oliva. As  encimeiras son de cuarzo, da marca Compac e de dous centímetros de espesor. Este material é moi bo para tratar manchas, e mesmo para cortar enriba del. É una opción que a promotora decidiu poñer a maiores. Unha cousa importante son as frontes das cociñas que van azulexadas para protexer as zonas de cocción e de lavado, o resto en principio vai pintado.

Como defines as cociñas de Casas do Amilladoiro?

Están pensadas para clientes que cociñan día a día nelas, prácticas e con materiais resistentes para que se poidan limpar con facilidade e que non se deterioren. Aproveitamos ao máximo posible as paredes e os espazos a amoblar.  

E os electrodomésticos?

Van totalmente equipadas por parte do promotor. Todas levan frigorífico, vitrocerámica, lavadora, forno, lavavaixelas, extractor extraplano e microondas.

Supoñemos que son de baixo consumo…

Por suposto, todo os electrodomésticos son de eficiencia enerxética A, de baixo consumo.

Que garantías ofrecen?

Cinco anos de garantía en todos os mobles e dous nos electrodomésticos, que é a garantía que ofrece o fabricante.

Como é a grifería?

Os fregadeiros son de aceiro inoxidable con grifos monomandos. Nos levamos a cargo toda a instalación.

Levades máis de 40 anos amoblando as cociñas galegas. Cal é o segredo?

Sí, levamos 40 anos no mercado, o cal é un aval. É moi importante o servizo de atención post venta, algo que nos diferencia xa que atendemos aos nosos clientes se xurde calquera problema. Se levamos tanto tempo é por facer boas cociñas e atender moi ben á clientela.

 

 

 

 

 

O director da nosa promotora, Jose María Rodríguez Santalices, foi entrevistado a semana pasada na Cadena Cope e tivo a oportunidade de explicar con todo detalle as características das nosas vivendas. Escoita e descobrirás a filosofía que inspira esta promoción e da vida ás Casas do Amilladoiro.


Raras veces temos a oportunidade de ver o que está por debaixo da pel dunha vivenda. Imaxinaches algunha vez o labirinto de cables, tubos, conexións, placas e materiais que se oculta debaixo do chan, por detrás dos muros ou debaixo dos teitos da túa casa?

Pois hoxe iniciamos unha pequena aproximación a ese mundo oculto e descoñecido que acotío pasa desapercibido aos nosos ollos.

Un mundo que está sendo construído polo gran equipo de profesionais de Casas do Amilladoiro, no que a coordinación e a precisión son a garantía dunha obra feita a conciencia. Albaneis, alicatadores, calefactores, ascensoristas, electricistas, escaiolistas… para que teñas unha vida confortable no teu fogar.

Como adianto, nas fotos de hoxe vemos traballar a Juan José, o ascensorista, axustando os marcos do ascensor e comprobando a placa de manobra, que é algo así como o cerebro do elevador. 

E é unha boa oportunidade para contarvos como son os ascensores. Están fabricados por unha empresa española, Tresa Ascensores, experta nas solucións de transporte vertical máis innovadoras, confortables e seguras.www.ascensorestresa.com 

Tresa conta cun potente departamento de I+D+i e unha traxectoria de máis de tres décadas nas que ten sido merecedora de diversos recoñecementos de calidade.

En casa portal van instalados dous ascensores, asegurando un menor tempo de resposta e un servizo máis áxil.  O modelo da cabina, Tresa Elegance, está adaptado ás últimas normativas,émoderno, silencioso, apto para persoas con minusvalías e con acceso directo a unha central de emerxencias. Os ascensores van acabados en cores que harmonizan coa decoración dos portais.

Trátase dun modelo baseado na Norma ISO 14006 sobre Ecodiseño, como todos os fabricados por Tresa;  con iluminación por medio de LEDS de alto rendemento, combinada cun sistema de apagado/aceso automático da luz de cabina que aforra consumo de enerxía eléctrica. Asemade, utiliza unha tecnoloxía hidráulica que permite  unha redución do consumo enerxético de máis dun 20%.